Saturday 27 de April de 2024

Máis de 500 veciños e veciñas participaron no Festival de Entroido do Concello de Lousame


 

Incluíu desfile de disfraces, degustación de orellas, filloas e chocolate con churros, inchables, obradoiros e maxia de preto con Charly Braun

Máis de 500 veciños e veciñas ateigaron está tarde o polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra para desfrutar do tradicional Festival de Entroido do Concello de Lousame, no que tomaron parte case 200 nenos e nenas, así como cincuenta adultos.

A festa comezou puntual e ás 17:00 horas comezaron a chegar os primeiros grupos de persoas que se atoparon cun pavillón decorado para a ocasión e no que puideron desfrutar de ata sete actividades, dende obradoiros de caroutas e maquillaxe, ata cinco xogos inchables diferentes: barredora humana (no que a rapaza tiña que agacharse ou saltar para evitar caer), búfalo mecánico, bola de demolición, e os tradicionais multiarcos e tobogán pallasos.

Durante toda a tarde, o mago Charly Braun fixo trucos de maxia aos distintos grupos de persoas que estaban pola pista polideportiva, moitos deles desfrutando tamén da degustación gratuíta de produtos típicos do entroido no que catro filloeiras realizaron preto dun milleiro de filloas que pequenos e maiores acompañaron con orellas, chocolate quente e churros. A festa rematou preto das nove da noite, tras o sorteo dunha cea entre todas as persoas que participaron no desfile de disfraces para adultos, novidade desta edición.